Pois o sábado pola tarde non foi máis tranquilo no Salón. Empezamos falando de Castelao nunha visita interesantísima no Museo de Pontevedra, fixemos Retratos Ilustrados e convertemos as nosas fotos en heroínas, sereas, meigas ou esqueletes cos amigos de 7HCoop. Con de Maria Zarate – da delegación Euskal Herria – e Marcos Dios coñecemos as aventuras dun trasno e unha ‘sorgina’ (bruxa en euskera) na sesión de contacontos Lamiak. Cris de Caldas e Xabi do Camiño fixeron gozar aos bebés de 0-3 anos con ‘Kenka un kenko’ e as amigas de ReviraVolta fixeron no seu obradoiro gastronómico uns cogomelos con xamón e ovo de paspallás.
Se pensabades que quedaba aí a cousa, rematamos a tarde por todo o alto, festexando o 10º aniversario do espectáculo ‘Fíos’ de Baobab Teatro e escoitamos unha morea de historias cheas de sensibilidade e emoción da man dunha modista – que non costureira.