As ilustracións nos libros teñen a capacidade de facernos soñar e imaxinar outras realidades e lugares. Se lle engadimos un chisquiño de maxia aparecen creacións incribles, como as que que fai o noso amigo Anxo Fariña.
Esta tarde aprendeumos a debuxar con el, coñecemos os trucos para facer un gran debuxo e puxémolos en práctica. Levamos para a casa as nosas creacións, van quedar chulísimas na nosa parede favorita.
Con música todo é máis doado e con contos, máxico! Con Marcelo Dobode e Beatriz Martínez disfrutamos do “Almanaque Musical,” un espectáculo para bebés co que coñecemos os días da semana. Axudounos Pelán, un extraterrestre ao que gustan moito as patacas fritidas pero que ao chegar á Terra descubríu as bondades da froita, ñam! Unha fermosura de sesión que a cativada máis miúda disfrutou moitísimo
Os amigos de Expresion Produccións Teatro trouxeron ao Salón contos, títeres e maxia. Unha mistura perfecta para fuxir da choiva, porque os contos dan acubillo e caloriño.
Que olor a limón! Que rico! de onde virá? E ala fomos, mirar. Atopamos ás rapazas de ReviraVolta no seu obradoiro de cociña, aprendendo á cativada a facer un pastel de limón ben fresquiño. Mesturaron nata, leite condensada e raspadura de limón. Un pouco de pó de galleta no fondo, outro pouco para decorar e ñam ñam!
Rematamos esta tarde de sábado disfrutando de Sinfonía Máxica. O espectáculo combinou a maxia do mago Teto con música de cine interpretada, en directo, pola Banda de Música de Salcedo. Toda unha fantasía que sorprendeu a grandes e pequenos nun ateigado auditorio do Pazo da Cultura.
En Sinfonía Máxica houbo tamén un pequeno homenaxe a Juan Tamariz, o mago que inspirou a Teto nos seus comezos e constatamos que a maxia, como o cine, pode emocionarnos a todos e todas en calquera momento.
Grazas, mago Teto e a Banda de Música de Salcedo. Foi máxico!