Hoxe celebramos o Día do Pai cunha chea de propostas. De feito, foron moitos os pais que se animaron a celebrar o seu día pasando a tarde con nós. Tivemos actividades ben divertidas e creativas: contos, monicreques, malabares, grafitis, roteiros, videoxogos, videoclips… e para pechar o día, unha boa dose de música e baile.
Cos amigos do Museo do Videoxogo xogamos a recoñecer e asociar as bandas sonoras aos xogos, tentamos distinguir que instrumentos aparecían e o que transmitían. E ao remate deste obradoiro especial con música, probamos a facer a nosa propia melodía!
Para merendar preparamos unha coca riquísima no taller de cociña. Non, non é a mesma Coca da festa de Redondela. Trátase dun petisco que parece unha pizza, ten unha base de fariña de trigo e logo por riba puxémoslle cebola acaramelada e mouriza ibérica. Grazas Sandra e Lorena (Reviravolta) por aprendernos a cociñar cousas tan saborosas e diferentes.
O noso nivel de euskera mellorou moitísimo esta tarde, grazas ás nosas amigas, Mirari e Larraitz Urruzola de Babaluva. Estas dúas irmás vascas, afincadas en Galicia, trouxéronnos “Lume” ao Salón, un espectáculo de monicreques pensado para que a xente miuda -e tamén xs adultxs- reflexionemos sobre o coidado do medio natural.
Na súa sesión de contos aprendemos palabras eu euskera, en galego e en inglés! Por idiomas que non sexa!
O mesmo que con Ana Apika, a outra narradora vasca que tamén nos acompañou hoxe cunha fermosa sesión de contos para bebés. Magníficas representantes todas elas da nosa cultura convidada, Heuskal Herria.
A gana que tiñamos de mover o esquelete logo deste par de anos algo paradiños eh!! Pois esta tarde desquitámonos bailando e cantando a tope con Uxía Lambona e a Banda Molona. Gozamos dos clásicos populares galegos con toque persoal, desde A Carolina “rapeada” ata O Jato “rockeiro”. Rematamos esgotados pero moi felices entre coreografías, sorpresas e risos.
Foi unha tarde de sábado fantástica con broche musical xenial!