O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Sábado 2 de marzo pola mañá

O sábado comezamos con enerxía a mañá cunha manchea de obradoiros e actividades. A primeira en poñerse “mans á obra” foi a nosa amiga Itziar Ezquieta co seu Gabinete de Curiosidades. No taller descubrimos que todas as persoas facemos algo de maxia algunha vez como os científicos e científicas, os e as enxeñeiras que fan voar avións e tamén os/as artistas plásticos que traballan coa mirada.

Pero a mirada , a óptica, ás veces engana, confunde e fai trucaxes.

Trucaxes coma os que empregaba o cinema sobre todo nos seus comezos, cando traballando co papel facían xoguetes precinematográficos, como os que elaboraron as crianzas que viñeron ao obradoiro. Quedaron uns folioscopios e taumatropos chulísimos porque son uns/unhas artistas!

Tamén tivemos tempo para os videoxogos que xa teñen máis de 50 anos! Parece que levan toda a vida con nós, a que si?

Co Museo do Videoxogo puxémonos a deseñar e crear con videoxogos mecánicos de construcción, grazas aos que desenvolvemos as nosas propias creatividades dixitais. Unha chulada!

O MUVi fará máis obradoiros ao longo de todo o Salón, porque cos videoxogos tamén podemos facer maxia!

E celebramos a primeira actividade para bebés da man da convidada chegada de Catalunya, Alicia Molina. Coñecemos o cadeliño Hache: un canciño pequeno como un garavanzo co bandulliño redondo de tanto comer. E unhas orellas que ao correr pola granxa móvense facendo clinc-clinc. É moi curioso e coa súa lingua vai lambendo todos os agochos mentres seus ollos de mel observan todo.

Vive en can Taps coa verme Mazá, o caracol Oriol, o esquío Pilla-pilla… e unha cousa que non pode coller nunca: o seu rabo Lúa, que en catalán dise cúa. Porque si, amais de escoitar contos e cantigas, aprendemos algunhas palabras na lingua do país convidado.

Os contos son unha magnífica forma de coñecer outras culturas, literaturas e persoas. Grazas a Polo correo do vento esta mañá puidemos coñecer un persoeiro de Catalunya. Contáronnos a historia de Pau Casals, un dos mellores chelistas do mundo que nos anos 30 do S.XX chegou a fundar unha orquestra. Pau Casals dixo tamén que el non tocaría en lugares onde non houbese liberdade, toda unha declaración de principios. Bravo por el!

Aproveitamos para dibuxarmos unha caricatura do músico e escoitamos música en directo cun chelista convidado por Quique e Carlos de Polo Correo do Vento. Unha sesión máxica!

Compartir esta entrada