O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Sábado 2 de marzo pola tarde

Que ganas tiñamos de que volvesen os obradoiros de cociña e contos ao Salón!

Esta tarde, as amigas de Reviravolta aprendéronnos a preparar “pa de pesic” un biscoito de textura suave e delicada que forma parte da gastronomía catalá. Misturamos e batemos os ingredientes e mentres agardabamos a que se preparase no forno, gozamos da maxia cun conto: Mago Rosa.

A historia fala dun personaxe moi especial que ten unha bolsa máxica na que cabe de todo. Para enchela emprega unha palabra máxica: Omeoc!

Unha das cousas moi máxicas do Salón e saudar aos amigos e amigas que vemos de ano en ano, como a Soledad Felloza

Hoxe estivo con nós facendo unha contada moi especial para bebés. Para que os contos veñan, imos facer maxia e para facer maxia, precisamos das mans. Levantamos, sacudimos, tocamos palmas e… os contos foron chegando grazas tamén ás palabras máxicas que chegan da outra beira do mar: “De Tin Marín que do pin ué púcara mácara títere fue”

Pola tarde tamén estivo no Salón Andrea Fernándaz de La Platanera, que é a ilustradora do cartaz de esta edición: unha peza fermosísima chea de seres máxicos que convidan a soñar e inventar historias. Por iso é a persoa máis indicada para botar a tarde creando personaxes fantásticas a través de formas simples e cores, empregando selos, pinturas e a nosa imaxinación. Vaia chulada de resultados!!

Non hai maxia mellor que a de transformar calquera obxecto nunha obra de arte. E isto foi o que fixemos no obradoiro de paste-Up “O Papalibros 3020 Max PRO”.

Con Sofia venzel e Michel Casado artellamos un mural chulísimo de colaxes feitas a partir de libros. Quedounos un trebello máxico súper PRO.

Podedes visitar o resultado do noso labor creativo no mural que está a carón do Museo Portátil e do Recando É ou non É. Somos ou non somos uns artistas?

Que sorte que nos visiten amigas de Catalunya e que, ademais, nos traian contos de agasallo. Alicia Molina, directa desde o Montseny, achegounos esta tarde unha manchea de contos que falaban da lúa e dos desexos e aprendeunos moitas palabras e cancións en catalán.

Moitas grazas, Alicia, pasámolo xenial! Volve cando queiras para visitarnos de novo.

Se algo non pode faltar no Salón é a visita de Uxía Lambona e a Banda Molona que hoxe colgou o ‘non hai entradas’ e puxo en pé a 742 persoas. Porque co seu espectáculo “Un soño é…” Ñoc, Pali, Abraham, Serghaño, Roscón e Uxía fixeron bailar á cativada e adultos. É que non hai quen se poida resistir aos seus temazos!! E se con bailar a tope non foi abondo, marchamos para casa con libros asinados.

Hai mellor xeito de rematar a primeira xornada do Salón?

Compartir esta entrada