Logos O SALON - Concello de Pontevedra

Raquel Queizás

Esta mañá preguntámonos unha cousa ben importante. Como nacen as historias? Pois diso estivo falando hoxe a nosa amiga Raquel Queizás con alumnado de Ciencias da Educación que viñeron visitarnos desde Santiago. Estratexias para a narración, que contos son axeitados para e para que idades, así como os recursos que podemos empregar para a mediación lectora a partir da oralidade, foron algunhas das achegas de Queizás para @s futuros docentes que nos visitaron.

Sesión de tarde

Pola tarde o Salón encheuse de colorido cunhas teas fermosímas, tecidos de inspiración africana cos que Teresa Redondo nos amosou como facer o noso propio caderno de artista. Aproveitamos para viaxar e coñecer un chisco o continente africano, así coma o conto de “Wangari e as árbores da paz”, que fala da activista ecoloxista de Kenia Wangari Maathai.

Un pouco despois de elaborar os nosos cadernos fomos botar un baile. Que un, unha chea deles grazas a Golfiños! Cantas ganas tiñamos de volver velos polo Salón!

Na súa actuación adiantáronnos temas do seu novo disco (moi pronto estará dispoñible) e tamén escoitamos na fantástica voz de Elena Paz, algunhas das cancións do seu estupendo primeiro traballo “Té, chocolate e café” como o “peixiño salmonete” , cinco patiños…

Por certo, que xa temos as tres obras de arte gañadoras do sorteo de MuseOrbil! Hoxe celebramos o sorteo e pudemos comprobar que neste Salón hai arte a moreas. 😀

Rematamos este intenso venres cun espectáculo de danza contemporánea, que encheu o escenario do auditorio de luz, texturas e baile grazas á compañía granadina DA.TE Danza e o seu espectáculo “Nudos”.

Trátase dunha peza chea de poesía que fala de como eses nudos que a vida constrúe, ás veces non nos deixan crecer, e de como se somos quen de desfacelos conseguiremos liberarnos e medrar. Encantounos! Ata Orbil se animou a danzar.

Compartir esta entrada