Queda por diante a fin de semana para pechar polo alto esta edición do Salón e esta mañá despedimos as últimas visitas escolares. Exceptuando algún centro da cidade de Pontevedra, hoxe foi o día do colexios de fóra do concello. Hoxe recibimos cativada chegada de Catoira, Salvaterra, Redondela, Caldas, Moraña, Bueu, Deiro e ata Laxe! Tamén viñeron gozar do Salón do Centro Ocupacional Méndez Núñez.
Que mañá tan bonita pasamos. Ata o ano que ven, coles!
Este venres tamén tivemos teatro ao que acudiron máis de 400 escolares. Gozaron do espectáculo ‘Voa, voa’ de Talia Teatro. E pola tarde houbo un pase para público familiar.
Pola tarde
Na sesión vespertina recibimos unha visita ben especial, a dun grupo moi numeroso de estudantes das Facultades de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e tamén da Universidade de Vigo do Campus de Ourense. As visitas das futuras docentes son das nosas preferidas, participaron nunha xornada de formación sobre mediación lectora con libros obxecto impartida pola nosa bibliotecaria estrafalaria favorita, Cris de Caldas. Logo tiveron tempo de ver polo miúdo o Salón, explorar os distintos recantos lectores e gozar cos máis de 4.000 libros que temos para consulta e préstamo na sala e no recinto feiral. Como nos prestan estas visitas!
Ademais de visitar o Salón, o alumnado de Educación Infantil do Campus de Ourense da Uvigo fixeron un traballo impresionante de dramatizacións de contos coma “A casa da mosca chosca”, “Polgariña” ou “Os tres porquiños”. Monicreques, teatro de sombras… unha chea de propostas con material de refugallo que encheron de cores e de alegría a biblioteca do Salón.
Esta tarde estivo no Salón @ce.orquestrapantasma e trouxo con el unha morea de xogos e xoguetes tradicionais con pezas naturais como paus, pedras, pólas de árbores. Ideais para practicar o xogo libre e lembrar vellas formas de brincar, asociadas á rúa, o campo e outros espazos vitais para o xogo.
Moito bailamos e cantamos esta tarde con @ce.orquestrapantasma. O home orquestra, vello amigo do Salón , tamén trouxo as súas cancións coas que puxo a toda a cativada en pé de baile.
César contóunos a historia de Rosalía, unha nena rebuldeira á que lle acontecen cousas moi especiais e divertidas. Cantounos tamén a canción dos pingüíns e ata saíu unha mamá a bailar con moito garbo! Chegamos, así, á hora de merendar cheíñas de enerxía!