O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Xoves, 4 de maio

Hoxe foi un día ben especial xa que recibimos aos últimos grupos dos centros colaboradores de Pontevedra e parroquias: @ceepontevedra CEIPS Vilaverde Mourente, Manuel Vidal Portela e @ceip_xunqueira2 e @eei.ogrupo chegado de Marín.

Fixemos unha despedida de contiños por todo o alto! E como a cativada dos centros colaboradores era toda ben pequena, tivemos máis sesións de contos. Viñeron os amigos de @polocorreodovento@raquelqueizas@migallasteatro e Pavís Pavós.

Tamén continuamos cos encontros lectores no Salón, desta vez coa escritora Antía Yáñez que tivo a oportunidade de falar coa rapazada do IES Xunqueira I, IES Xunqueira II, IES Frei Martín Sarmiento e o IES Torrente Ballester sobre varias das súas obras: “Senlleiras”, “Be wáter” ou “O misterio de Portomarín”. Grazas, Antía por compartir con nós o teu proceso creativo e as túas inquedanzas como escritora!

Pola tarde

Sabedes que se pode facer música con case calquera cousa? E que, se misturamos a música coas historias, poden saír cousas marabillosas e… ¡divertidas! Pois iso foi o que fixemos esta tarde con gran Brais das Hortas. Puxo a toda a cativada a bailar cos seu “Contos en obras”, unha sesión coa que mistura as historias e o clown, na que escoitamos “hits” como o “SachoZumba”, “O Lagharto Arnal” e mesmo fixemos música cun parafuso e dous tubos de antena. Divertidísimoooo!

Esta tarde finalizamos a V edición do Congreso Internacional de Mediación Lectora coas reflexión do pedagogo italiano Francesco Tonucci @fratoescola, que intervíu cun relatorio en liña desde Italia na que estableceu un paralelismo entre os libros e os xogos, falou da necesidade de fomentar a lectura en voz alta na escola, estreitar a relación das crianzas coas librerías e conseguir que a lectura sexa un goce e non unha obriga para a rapazada. Previamente, Paco Veiga e Manuel Vázquez Coto fixeron unha achega polo patrimonio lúdico de Galicia @patrimonioludicogalego e polas distintas publicacións que recollen os xogos tradicionais galegos.

A parte máis práctica da última xornada do V Congreso Internacional de Mediación Lectora foron os distintos obradoiros nos que se trataron aspectos coma os videoxogos na aula, da man de Silvia López Gómez, as lecturas inclusivas por Sonia Hermida, a mediación lectora a través da narración oral por Raquel Queizás, a parte máis artística foi desenvolvida por Itziar Ezquieta e Begoña Paz, cun taller sobre obxectos artísticos e libro-xogo.

Compartir esta entrada