Esta mañá o Pazo de Cultura moveuse a ritmo de rock co espectáculo: “Na lingua na que eu creo”, música, ilustración e pezas audiovisuais para berrar e cantar en galego. Acompañáronnos Xosé A. Boci Xa , Paco Pakolas Cerdeira e LauraRomero, do grupo de rock ZENZAR “rock en galego”, nunha actividade que congregou alumnado de ESO e Bacharelato de Pontevedra e contorna. Levamos nos petos unha chea de propostas musicais na nosa lingua con moito ritmo, porque outra forma de facer música -tamén en galego- é posible!
Hoxe tamén recibimos a outra das nosas convidadas de Euskal Herria, Concha Pasamar Ilustración, a ilustradora de “Volver”, que compartiu co alumnado de ilustración da EASD Antonio Faílde o seu traballo plástico, os procesos creativos e diversos aspectos técnicos e prácticos da profesión. Concha vén do mundo das letras e combina o seu traballo de docente de lingüística, coa escrita e a ilustración.
Pola tarde o Salón seguíu con moitísimas propostas. O monitorado preparou unha actividade sorpresa arredor dos Libros sen Palabras. Grazas á #OEPLI e @ibby.international temos un recuncho no Salón cheo de libros moi especiais, con imaxes e sen texto (Silent Books) para deixar voar a imaxinación. A cativada participante estivo moi atenta e fixo a súa propia interpretación de cada historia. Grazas por acompañarnos nesta experiencia!
Na sesión de contos recibimos a unha amiga ben riquiña, que herdou o nome da súa avoa: Filipa! Pero Filipa non veu soa, veu con Bandullo Azul e cunha morea de historias que contar, como a de Toño, que estando castigado, colleu a bici de seu pai e …!
Tamén fixemos o roteiro artístico “Un paseo con Manuel Moldes” que nos levou a percorrer, da man da Fundación Moldes, lugares emblemáticos na vida e obra do inesquecible artista pontevedrés, un dos creadores do Movemento Atlántica.
Visitamos o Instituto Valle Inclán onde comezou os seus estudos, estivemos ao pé da vella casa consistorial onde nos falaron dos carteis deseñados por Moldes para as Festas da Peregrina e a súa importancia pictórica. Un deles consérvase no Museo de Pontevedra.
Tamén pasamos pola rúa Michelena e o baixo da antiga libraría para a que Moldes fixo unha colección de marcapáxinas que hoxe son obxectos de coleccionista e obras pictóricas; a praza da Peregrina onde coñecemos como foi descuberto por un profesor o seu grandísimo talento, e diferentes puntos do centro histórico referentes no súa traxectoria creativa.
Finalizamos o percorrido no Museo de Pontevedra ao que Moldes estivo moi vinculado e onde se exhiben algunha das súas obras.
Un paseo fantástico que nos achegou ao talento creativo do desaparecido pintor pontevedrés, figura importantísima e inesquecible da plástica galega das últimas décadas. Deste roteiro quedamos coa súa impronta artística e unha frase del gardada nas paredes dunha antiga galería de arte: “misterio + luz = pintura e vida”.
Desde xa facémola nosa!